O CESGA pon en xogo a súa tecnoloxía para mellorar a predición de correntes mariñas

xoves, 23 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

Captura da páxina web do programa MyOcean

O Centro de Supercomputación de Galicia está a achegar a súa tecnoloxía de cálculo avanzado para mellorar o servizo de prognósticos medioambientais coordinados polo organismo público Portos do Estado nun proxecto interestatal de investigación. A achega do CESGA materialízase a través do sistema de predición de correntes mariñas, MyOcean, un programa europeo que xestiona a dita entidade para as costas de España, Portugal, Francia e Irlanda. Os obxectivos de MyOcean, amais do seu labor xenérico de estudo e anticipación sobre as características e condicións do mar, pasan por subministrarlles o mellor apoio posíbel aos servizos de salvamento marítimo e á loita contra a contaminación accidental.
A concorrencia do CESGA en MyOcean responde, precisamente, á necesidade de elaborar as predicións meteorolóxicas máis exactas posíbeis, non só referidas aos ventos ou á ondaxe mariña senón tamén a un elemento concreto de suma importancia para a navegación: o comportamento das correntes.
O proxecto europeo MyOcean diríxese precisamente cara a este punto: cara a facilitar a información necesaria que, no caso dunha vertedura ou dun naufraxio, fagan máis doados e precisos os traballos de resolución. O potencial da ferramenta é grande, sinalan os seus responsábeis, xa que no futuro mesmo permitiría que as navieiras tiveran a posibilidade real de aforrar combustíbel, ao contar con datos de primeira man sobre cales son as rutas máis doadas de percorrer nun intre e nunha viaxe determinada. Amais do comportamento das correntes, MyOcean tamén achega información sobre a temperatura e a salinidade das augas. Os datos extráense de satélites, boias e outros sistemas de obtención directa de datos como mareógrafos ou radares. “Para desenvolver unha predición de correntes mariñas axeitada a partir deses datos”, informa o CESGA, “a clave é conseguir uns modelos de circulación mariña con maior resolución, e isto esixe contar cunha enorme capacidade de cálculo para que sexa posible realizala en pouco tempo”. Isto acádase grazas aos sistemas de supercomputación do CESGA e o seu equipo humano. Cómpre lembrar que o centro galego, emprazado no Campus Sur de Santiago, é a sede do sistema de predición desde o punto de vista numérico, mentres que a coordinación das predicións lévase a cabo a través de Portos do Estado e desde o instituto francés Mercator-Ocean. Os datos son accesíbeis tanto para empresas privadas como para institucións públicas de investigación, e difúndense tanto en forma numérica como en feitura de mapas a través de http://myodata.puertos.es.
Evolución
Segundo informa o CESGA, en abril poñerase en marcha MyOcean2, que consolidará o modelo de alta resolución –ata dous quilómetros- e facilitará predicións máis precisas. “E para realizar as de carácter local”, engádese, “válidas por exemplo para as rías galegas -con ata 50 metros de resolución-, o sistema actual xa permite ’’aniñar’’ no modelo global distintos modelos locais de maior precisión, algo do que se beneficia MeteoGalicia, o servizo de predición meteorolóxica da Consellería de Medio
Ambiente da Xunta de Galicia”. En MyOcean participan 61 institucións de 29 países. A través do proxecto, recompílanse e distribúense datos de 2.400 estacións: 100 mareógrafos, 1.900 boias de deriva e 400 boias ancoradas. Para a zona coordinada por Portos do Estado empréganse informacións procedentes de 320 estacións.

PUBLICIDADE