O CESGA organiza en Vigo un obradoiro sobre uso avanzado do Finis Terrae II

martes, 15 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

O Centro de Supercomputación de Galicia vai organizar este 30 de maio unha nova xornada para visualizar e debullar (en clave avanzada) as posibilidades e aplicacións de meirande complexidade do seu supercomputador Finis Terrae II, usado a día de hoxe por centos de empresas e investigadoras/es da nosa comunidade científica para a resolución das máis complexas operacións ligadas ao cálculo avanzado ou ao tratamento do Big Data (información a gran escala). O obradoiro está encamiñado a usuarios actuais do supercomputador ou aos profesionais e investigadores doutras contornas de computación familiarizados coas contornas de computación de altas prestacións e co uso de colas.
O obxectivo é axudalos a acadar un coñecemento máis fondo do uso dos equipos e poder tirar proveito das ferramentas dispoñíbeis. O obradoiro celebrarase o 30 de maio en horario de mañá e tarde, de 11:00h a 14:00h e de 16:00h a 18:00h na sala I do Edificio Miralles, no Campus Universitario de Vigo. O contido artellarase deste xeito: unha descrición avanzada do Finis Terrae II (tipos e características dos sistemas de almacenamento, uso avanzado, identificación das redes existentes e dos modos de uso, descrición do procesador e as súas características máis complexas), outra sobre o uso do sistema de colas, outra sobre emprego de contadores, un repaso dos compiladores e ferramentas de desenvolvemento dispoñíbeis, unha achegamento detallado aos soportes de aceleradores e un bloque de visualización.
Máis detalles do supercomputador
O Finis Terrae II, como lembraremos, entrou en produción hai agora dous anos, incrementando de maneira notábel as prestacións do servizo de cálculo do CESGA. O novo supercomputador é un sistema de cálculo avanzado baseado en procesadores Intel Haswell e interconectado mediante rede Infiniband (FDR@56Gbps con topoloxía Fat-tree) cun rendemento pico de 328 teraflops e sostido en Linpack de 213 teraflops.

PUBLICIDADE