O CEMMA conmemora os seus 10.000 followers no Facebook

mércores, 21 de agosto do 2019 Fernando Sarasketa

A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) está estes días de celebración: unha conmemoración tecnolóxico-dixital. Máis en detalle, está a festexar a consecución de 10.000 seareiras e seareiros no Facebook de seu, onde a organización galega informa polo miúdo das súas actividades, da súa investigación oceánica e do seu traballo a prol dos animais que varan ou están en risco de encallar no noso litoral (o CEMMA e a súa Rede de Varamentos é, xunto co 112 e os grupos locais de Protección Civil, o principal órgano ao que acudir no caso de que vexamos un animal mariño en apuros). Agora, en palabras do CEMMA e da súa comunidade de Facebook, toca seguir traballando e toca acadar outra cifra semellante de incorporacións.
A coordinadora, con sede principal en Nigrán, é unha ONG ambiental galega constituída en 1992. Os seus principais obxectivos son “o estudo e a investigación dos mamíferos e tartarugas mariñas, fomentando medidas que impliquen a súa conservación, e a difusión dos mesmos a través de distintas publicacións e accións de educación ambiental”. Este labor de difusión lévase a cabo sobre todo a través da devandita rede social e a través da web da coordinadora, www.cemma.org.

PUBLICIDADE