O CEI-NODUS reforza o emprendemento lucense coa incorporación de oito novos proxectos

luns, 13 de outubro do 2025 S. P.

O Centro de Empresas e Innovación do Concello de Lugo (CEI-NODUS) segue a apostar polo talento e a creatividade lucense, e faino sumando no Viveiro de Empresas municipal oito novos proxectos emprendedores, que, en palabras do Concello, “representan a diversidade e a vitalidade do ecosistema económico da cidade”.
O concelleiro Mauricio Repetto destacou que esta nova etapa “confirma o papel do CEI-NODUS como motor de desenvolvemento económico e xerador de oportunidades. Cada proxecto que se incorpora trae consigo ilusión, talento e un compromiso real coa cidade, e o noso labor é acompañalos para que esa enerxía se transforme en resultados, en emprego e en impacto positivo para Lugo”.
Entre as novas incorporacións atópase Ruxe Branding, axencia de nova mercadotecnia especializada en identidade visual, estratexia de marca e campañas dixitais. O equipo, formado por profesionais do deseño e da comunicación, axuda a empresas e emprendedores a construír marcas sólidas e recoñecibles, combinando creatividade e visión estratéxica.
Sumou tamén La Mariquita de Azúcar, un obradoiro familiar liderado por Isabel Rodríguez, que aposta pola elaboración de marmeladas artesás con ingredientes premium e receitas innovadoras.
O artista Daniel Casal, coñecido como Dani Hace Fotos, escolleu Lugo para consolidar a súa carreira multidisciplinar. O seu traballo combina fotografía analóxica, arte visual e dinamización cultural, con proxectos que unen creatividade, participación e comunidade.
Outro dos proxectos en marcha é o de Marcos Vila, que ultima o lanzamento dunha torta gourmet que “aspira a converterse en símbolo da cidade”. A súa proposta, de inspiración local, combina tradición e sofisticación cunha elaboración artesanal que busca levar o nome de Lugo a novos mercados.
No ámbito tecnolóxico, SlacCode, impulsada por Cristian Piedrahita, vén de lanzar HubFlow, unha ferramenta dixital deseñada para simplificar a xestión diaria de profesionais autónomos e pequenas empresas. A súa proposta combina accesibilidade, innovación e eficiencia. Repetto destacou que “SlacCode é a proba de que desde Lugo tamén se pode crear tecnoloxía punteira, pensada para mellorar a vida das persoas e facer máis competitivo o tecido produtivo local”.
No sector turístico, Andrea Cachafeiro lidera Nuna, unha startup que busca ofrecer aos hoteis “unha alternativa real ás grandes plataformas de reservas online, devolvéndolles o control sobre as súas vendas e a relación directa cos hóspedes”.
A deseñadora Estrella Patiño, creadora da marca yita patiño, tamén forma parte das novas incorporacións. A súa proposta de moda sostible transforma materiais en desuso en pezas exclusivas, combinando innovación, memoria e responsabilidade ambiental.
Finalmente, Héctor Gayoso, fisioterapeuta con enfoque comunitario, traballa nun modelo de atención centrado na prevención, o benestar e a educación en saúde. A súa idea é crear un espazo de fisioterapia que funcione tamén como lugar de encontro e aprendizaxe para a veciñanza. “Héctor aporta unha visión moi necesaria: a de coidar o corpo e a mente desde a proximidade e o compromiso social”, apuntou Repetto.
As novas incorporacións coinciden con outras accións promovidas polo Concello no ámbito do emprendemento, como o inicio da aceleradora Turistalent 5.0 e a celebración do encontro NODE Hub Galicia, que tivo lugar recentemente no Salón de Actos do CEI-NODUS.