O CDTIC prepara unha xornada sobre xestión de empresas con software libre

luns, 18 de xullo do 2011 Raquel Noya

Cada vez son máis as empresas galegas que deciden apostar polo software libre para incrementar a produtividade dos seus negocios sen ver reducida a súa eficacia. Malia todo, aínda son moitos os empresarios e empresarias que descoñecen as vantaxes deste tipo de aplicacións para mellorar os seus servizos, xa que logo, o Centro Demostrado TIC de Galicia vai celebrar, o vindeiro 28 de xullo, unha xornada dedicada á Xestión Integral de Empresas con Software Libre, dirixida aos profesionais e persoal técnico, autónomos, xerentes ou directivos das empresas da nosa comunidade, tanto do sector público como privado.
O obxectivo da xornada é facer un percorrido por distintas solucións tecnolóxicas que permitan incrementar a produtividade das empresas a través da mellora da súa xestión, co nexo común de seren todas elas solucións con licenza libre. Isto abarata o seu custe de adquisición e posibilita a súa adaptabilidade ás necesidades reais das empresas galegas, “facilitando deste xeito que a inversión TIC das empresas xere negocio no propio sector TIC galego convertendo así a innovación tecnolóxica en motor económico”, aseguran dende o Centro Demostrador.
A xornada, á que se pode acudir de balde previa inscrición na web oficial do Centro, dará comezo ás dez da mañá coa visita ás instalacións e continuará cunha charla informativa sobre a integración do software libre na empresa. Posteriormente, exporanse casos de éxito e demostracións de solucións tecnolóxicas da man de distintas firmas galegas especialistas no sector, tales como Aitire, Pexego, Queres ou Redegal, entre outros.
Máis polo miúdo, o programa recolle a exposición das solucións que seguen:
- Xestión e administración da infraestrutura Tecnolóxica: Zentyal presentado por Aitire, partner oficial de Zentyal en Galicia.
- Xestión Integral: OpenERP presentado por Pexego, partner oficial de OpenERP en Galicia.
- Xestión Documental: Alfresco presentado por Queres, partner recoñecido de Alfresco en Galicia.
- Presenza en Internet, CMSs Libres – Joomla presentado por Wireless Galicia.
- Comercio Electrónico para pemes: PrestaShop presentado por Redegal.
Dende o CDTIC lémbranlle ás persoas interesadas en asistir que o software libre “está chamado a ter un papel importante no noso país”, e que “as tecnoloxías libres facilitan o aliñamento da oferta do sector TIC coa demanda do tecido empresarial galego”, algo tan necesario como alentador, neste intre.

PUBLICIDADE