O CDTIC celebra en marzo unha nova edición do #MesD

luns, 11 de febreiro do 2019 Redacción

O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da AMTEGA organiza a terceira edición de #MesD, unha iniciativa que concentra durante un mes diferentes sesións formativas destinadas ás empresas, emprendedores e autónomos e dedicadas a un tema concreto.
En marzo, #MesD centrarase nas redes sociais con catro seminarios sobre Instagram, LinkedIn, Facebook e Twitter, que se desenvolverán nas instalacións do CDTIC en Santiago de Compostela en horario de 16.00 a 18.30 horas.
A primeira sesión que impartirá o 6 de marzo a axencia de marketing Roi Scroll, estará dedicada a Instagram, unha ferramenta que foi gañando relevancia nos últimos tempos e que se converteu en decisiva para impulsar pequenos e grandes negocios. Está destinado a xerentes, responsables ou persoal técnico das áreas de comunicación ou marketing das empresas de calquera sector.
O segundo seminario, centrado en LinkedIn, chegará o 13 de marzo da man de Alberte Cea, e nel trataranse as posibilidades desta rede como ferramenta de employer branding. O obxectivo é que as empresas tomen conciencia da necesidade de contar cunha imaxe de marca empregadora para atraer os mellores profesionais. A actividade está destinada a pemes, persoas con proxectos de emprendemento, xestores de marca, responsables de selección ou de RR. HH. e público en xeral.
O 20 de marzo chegará a quenda de Facebook, do que falará Arancha Vilas, experta en comunicación, co obxectivo de levar o coñecemento desta rede social a unha escala máis profesional e promover a reflexión sobre a conveniencia de estar presente nela e que maneira. O seminario está pensado, principalmente, para responsables de departamentos de comunicación; persoas que queren aprender a abordar a comunicación en liña; e persoas que precisen descubrir Facebook desde a perspectiva máis profesional.
Por último, pechará este #MesD o día 27 de marzo unha sesión dedicada a Twitter como ferramenta de comunicación profesional, a cargo de Christian Delgado, quen dará a coñecer as opcións e as características pouco coñecidas desta rede e que poden ser de interese para o seu uso profesional. Este seminario está dirixido a persoas interesadas en que a súa organización conte cunha presenza activa en Twitter desde un punto de vista profesional.
Para participar nestas actividades cómpre inscribirse na web do CDTIC ou a través da súa aplicación dispoñible para plataformas Android e iOS. A inscrición é de balde ata que se cubran todas as prazas.

PUBLICIDADE