O CDTIC amosa as claves para sermos punteiros na creación e venda de produtos en software libre

luns, 19 de maio do 2014 Redacción

O Centro Demostrador TIC acollerá o día 23 de maio unha importante cita para todos aqueles dos nosos profesionais responsábeis de iniciativas consolidadas no deseño e achegamento de programas abertos, ou iniciativas en vieiros de comezar a súa andaina. En definitiva, será unha oportunidade para acadarmos os recursos para obter as maiores posibilidades de éxito en actividade empresarial arredor do open source. O seminario Creación, desenvolvemento e comercialización de produtos TIC en software libre impartirase en horario de 12.00 a 14.00 horas.
Trátase do segundo curso das catro actividades de formación específica para persoal directivo das empresas TIC galegas, que se están a impartir no devandito centro todos os xoves e venres desde o pasado 8 de maio e ata o 6 de xuño. A asistencia é gratuíta e cómpre inscribírmonos na web do CDTIC, xa que as prazas son limitadas.
No programa desta actividade formativa prevese mostrar como incorporar o código aberto no produto e como licencialo, e diversos aspectos relacionados co software libre, como quen o emprega para crear produtos TIC ou os modelos de negocio. O enxeñeiro José María Casanova Crespo será o encargado de impartir este seminario, que segundo sinala AMTEGA (responsábel do CDTIC) ten como obxectivos “dar a coñecer as vantaxes e obrigas para poder integrar compoñentes de software libre no desenvolvemento do produto; comprender as dinámicas e o modelo de negocio baseado na colaboración no universo do open source; e identificar boas prácticas para xestionar a propiedade intelectual implicada na construción dun produto TIC”.
A xornada está especialmente dirixida a persoal directivo, responsábeis ou técnicos de empresas do sector TIC.

PUBLICIDADE