O CDTIC acolle unha sesión demostradora do ERP libre Odoo

xoves, 10 de marzo do 2016 Redacción

O Centro Demostrador TIC (CDTIC) organiza o día 15 de marzo a sesión demostradora Xestión práctica das vendas dunha empresa comercial: Odoo Vendas que se impartirá na Aula CeMIT de Vigo en horario de 16:00 a 20:00 horas por parte de Anubía Soluciones de la Nube, empresa de consultoría, formación, desenvolvemento e implantación de solucións de software libre para a xestión completa de empresas de aplicacións na nube.
O obxectivo da xornada é mostrar as vantaxes que ten a aplicación informática Odoo para a xestión integrada e completa en contornos globais (diferentes divisas, numerosos idiomas ou contorno multicompañía); da xestión da parte comercial e administrativa (contabilidade, vendas e facturación) e a xestión loxística da empresa (almacéns), coas vantaxes dunha aplicación de software libre (alta personalización e adaptación aos factores propios de cada empresa).
No transcurso da actividade presentaranse os módulos de Odoo para a xestión comercial, administrativa e loxística dunha empresa de compra e venda de produtos, explicarase o funcionamento básico e a configuración destes módulos e exporase un caso desta xestión e realizarase un exercicio práctico.
Este sesión está dirixida a empresas de compra-venda (tanto por xunto como polo miúdo) que utilizan diferentes canles (tradicional ou comercio electrónico) e que están interesadas en mellorar o tratamento dos datos xerados ao longo da súa actividade loxística e empresarial, coa finalidade de progresar na súa xestión diaria e de permitirlles aos órganos directivos unha mellor toma de decisións.
Para participar nesta actividade cómpre inscribirse na web do CDTIC, sendo a asistencia de balde.

PUBLICIDADE