O CDT inaugurado en Santiago contribuirá á creación dunha imaxe de marca TIC 100% galega

luns, 27 de xuño do 2011 Redacción

Amais de consolidarse como escenario para a visualización do noso software libre empresarial, o Centro Demostrador TIC de Galicia (inaugurado este luns sobre o alicerce do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia de Santiago, o CNTG) será un apoio de primeira liña para a creación dunha imaxe propia de marca con potencial para contribuír ao espallamento das nosas empresas do sector tecnolóxico-dixital alén do noso ámbito xeográfico. Así o fixo saber perante os medios o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, quen enumerou algunhas das principais características deste espazo para a promoción dos nosos produtos e para a colaboración entre empresas, un espazo que xa conta con 52 firmas e un instituto tecnolóxico, todas elas dispostas xa a amosar polo miúdo 200 produtos e 27 servizos TIC, abranguendo vantaxes e beneficios para tódolos sectores.
Por certo que o presidente da Xunta, que acudiu á apertura do Centro xunto con Beatriz Mato e Mar Pereira, aproveitou a ocasión para falar dun vindeiro convenio de colaboración de importancia estratéxica para a nosa terra: o que formalizará en breve o Goberno galego co Cluster TIC para definir de xeito conxunto “o modelo de financiamento que máis partido saque do potencial que ten este sector na comunidade autónoma”. A previsión, engadiu, é que esta nova estratexia de financiamento estea operativa en 2012, “respondendo de xeito máis eficaz ás necesidades que ten e terá o sector”.
Polo que respecta á intervención de Beatriz Mato, máxima responsable da Consellería de Traballo (da que depende o CNTG), dicir que fixo fincapé no carácter do Centro Demostrador como iniciativa oportuna, “complemento perfecto para as actividades formativas e técnicas, dirixidas aos profesionais do sector TIC galego, que xa se veñen desenvolvendo no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia”, dixo. A experiencia, dixo, non lle fai faltar ao Centro Demostrador, e máis se temos en conta que o CNTG, a súa sede, deu acubillo no curso 2010/2011 a máis de 50 actividades de formación, “sen incluír xornadas e seminarios técnicos”, nos que participaron 775 profesionais do sector.
No que se refire á participación de Mar Pereira, secretaria xeral de Modernización, na apertura oficial deste espazo de investigación e promoción informática, dicir que quixo salientar o gran potencial do CDT para facilitarlles ás empresas do sector “os medios para achegar a súa oferta de produtos ás empresas doutros eidos produtivos, converténdose nun punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego”.
E engadiu, facendo referencia á natureza expansiva das TIC cara outros ámbitos produtivos, mellorándoos: “As empresas TIC poderán desenvolver coa axuda deste Centro solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutras áreas como a automoción, a construción o naval, a enerxía, o téxtil …, que coñecerán os produtos TIC máis axeitados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico”.

Máis servizos

Segundo informa a Xunta, o Centro Demostrador porá a disposición das empresas interesadas o Mapa de Solucións Tecnolóxicas de Galicia MapaTIC.gal, un directorio en liña cos provedores, produtos e servizos TIC existentes na Comunidade. Asemade, para axudar ao aliñamento da oferta de produtos e servizos TIC e a demanda tecnolóxica doutros sectores empresariais, o Centro organizará xornadas e demostracións de produtos TIC aos diferentes sectores produtivos.

A orixe e o orzamento

O Centro, lembrou Mar Pereira, ten a súa raizame nun acordo de colaboración entre a Xunta e o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a través de Red.es, contando cun investimento máximo conxunto de 2.720.875,71 euros ata decembro de 2013, dos que máis de 2 millóns foron achegados pola devandita entidade público-empresarial, grazas á contribución do Programa Operativo de I+D+i por e para o beneficio das Empresas, fondo tecnolóxico 2007-2013 de FEDER, e 600.000 euros pola Xunta.

Factoría de Emprendedores TIC de Galicia

Núñez Feijoo adiantou no transcurso da apertura do Centro de Conxo que neste mesmo ano 2011 porase en marcha a Factoría de Emprendedores TIC de Galicia, para apoiar a creación de empresas a partir do potencial e das capacidades tecnolóxicas dos grupos de investigación e dos emprendedores.
Trátase dun proxecto, explicou, que persegue “multiplicar de forma considerable o número de empresas de base tecnolóxica que nacen e se manteñen dentro da nosa comunidade, e facilitar o camiño ao emprendedor, apoiándoo e asesorándoo permanentemente”. E engadiu: “Queremos apoialos, poñer en valor o seu coñecemento e levar todas as ideas viables ao mercado para convertelas en riqueza”.


Declaracións do presidente da Xunta sobre o convenio que asinará co Cluster TIC Galicia

PUBLICIDADE