O CCG mostra as posibilidades do virtual para reconstruír a arquitectura que xa non é

martes, 10 de xullo do 2018 Redacción

O Consello da Cultura Galega (CCG) vai analizar nunhas novas xornadas as posibilidades das novas tecnoloxías para refacer o pasado: para levarnos de volta, con realidades recreadas e experiencias vívidas, a espazos que apenas existen ou que xa non existen en absoluto. As xornadas Arquitecturas esvaecidas: Da iconografía histórica á reconstrución virtual en Galicia comezan este 10 de xullo e nelas mostrarase o potencial das distintas fontes gráficas de carácter histórico para estudar o patrimonio arquitectónico e urbano que desapareceu ou para recuperalo. O estudo destas fontes gráficas, unido á súa confluencia coas reconstrucións virtuais máis avanzadas, fan posíbel a milagre de re-vivir de verdade o que xa pasou.
Jesús A. Sánchez García, Julio Vázquez Castro e Alfredo Vigo Trasancos son os coordinadores e membros do grupo de investigación de Historia da Arte, da Arquitectura e do Urbanismo (HAAYDU) da USC que darán a coñecer en primicia algúns exemplos galegos reconstruídos que, segundo informa o CCG, “fan revivir varios monumentos perdidos ou que chegaron a nós moi seriamente transformados”.
Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega inaugurará as xornadas, organizadas pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais (CCG).
As sesións, amais dos devanditos obxectivos, buscan dar visibilidade a arquivos e centros de investigación que atesouran legados iconográficos de gran valor. Con esta finalidade, contarase coa presenza de persoas expertas que achegarán o traballo que se está a desenvolver en entidades galegas para o coñecemento e divulgación dos fondos iconográficos para a historia da arquitectura e da cidade en Galicia. É o caso de Mª de la O Suárez Rodríguez, arquiveira municipal da Coruña; Cristina Echave Durán, conservadora do Arquivo Gráfico do Museo de Pontevedra, e Guillermo Escrigas (CGAI).
Pola súa banda, Francisco Javier Rodríguez Barberán, profesor titular da Escuela Técnica Superior de Arquitectura da Universidade de Sevilla falará sobre O mundo de onte. Os debuxos de Richard Ford (1830-1833) como rexistro de ausencias e Helena Pérez Gallardo, profesora do Departamento de Arte Contemporánea, Universidade Complutense de Madrid realizará un relatorio sobre a fotografía histórica e os monumentos españois desaparecidos.
Logo destas presentacións xerais achegaranse distintos traballos realizados por membros do grupo de investigación de Historia da Arte, da Arquitectura e do Urbanismo (HAAYDU) da Universidade de Santiago de Compostela. Así, Paula Pita Galán falará sobre Galicia nos fondos do Institut d´Estudis Fotogràfics de Catalunya; Jesús A. Sánchez García presentará o proxecto Memoria, textos e imaxes e, finalmente, Julio Vázquez Castro e Alfredo Vigo Trasancos darán conta de monumentos recuperados: as Torres de Altamira e da Real Fábrica de Biscoito de Neda á Casa do Capitán Xeral de Ferrol, respectivamente.
Pola súa banda, Carlos Paz de Lorenzo, deseñador gráfico de Noma Estudio, quen levou a cabo estes traballos dende o punto de vista técnico, explicará as posibilidades da iconografía antiga e reconstrucións 3D.
O evento será retransmitido en streaming dende a web institucional www.consellodacultura.gal.

PUBLICIDADE