O CCG e Política Lingüística salientan a necesidade de participarmos nos avances das TIC da fala

martes, 16 de outubro do 2018 Redacción

Este 16 de outubro celebrouse en Santiago a xornada As tecnoloxías da lingua, organizada polo Consello da Cultura Galega na súa sede e inaugurada por Rosario Álvarez, presidenta do CCG; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, e Carmen García Mateo, coordinadora da xornada. O encontro, que puxo o foco nas posibilidades que se abren ao converter a falta en texto ou coa tradución automática en liña, contou coa presenza de responsábeis de Google, RTVE, Galma ou Vicomtech. Na sesión de apertura, Valentín García, lembrou que “unha lingua de presente e de futuro como a nosa ten que participar nos avances que se producen no terreo das tecnoloxías da fala”.
De feito, avaliar estes recursos e as súas posibilidades, de cara a buscar os máis acaidos para o noso caso particular, foi un dos obxectivos da xornada, amais de “abordar a situación dunhas ferramentas que facilitan que a comunicación entre persoas estea por riba das barreiras idiomáticas”.
Valentín García engadiu que a necesidade participarmos nos devanditos avances ten relación directa coa que sería unha das grandes conclusións do evento: a conveniencia de xuntarmos forzas para que “unhas ferramentas pensadas para facilitar a inclusión e a comunicación non se convertan en ferramentas de exclusión”. Neste sentido, o secretario xeral avogou “por traballarmos sen descanso desde a Administración, desde o ámbito da investigación, desde as empresas... para producir recursos e aplicacións que reduzan a nada a fenda dixital”.
Acompañaron o secretario xeral na presentación desta xornada Rosario Álvarez, presidenta do CCG, e Carmen García Mateo, coordinadora do encontro.
En detalle, a finalidade da xornada foi mostrar o estado da cuestión das ferramentas da fala en dous aspectos relevantes das tecnoloxías lingüísticas: o eido da transcrición automática de voz a texto, como elemento fundamental para mellorar a accesibilidade das persoas con discapacidade auditiva aos contidos audiovisuais, e o eido da tecnoloxía do procesamento de linguaxe natural como axente facilitador de medios en galego.
Pola xornada pasaron Lourdes Lorenzo, do Departamento de Tradución e Lingüística da UVigo, Francisco Armero Real, director da Área de Accesibilidade de TVE, Belén Ruiz Mezcúa, directora do Centro Español do Subtitulado e a Audiodescrición, Pablo Romero-Fresco, director de GALMA (Observatorio Galego de Accesibilidade Aos Medios), Arantza del Pozo, directora do Departamento de Tecnoloxías da Fala e da Linguaxe Natural de Vicomtech, José Ramón Pichel, de Imaxin Software, Pedro J. Moreno, investigador de Google, e Carmen García, directora do Grupo de Tecnoloxías Multimedia da UVigo.

PUBLICIDADE