O CCG dixitalizará o legado do Ateneo Republicano

xoves, 23 de maio do 2019 Redacción

O Consello da Cultura Galega e o Ateneo Republicano (ARGA) van dixitalizar a memoria sonora da transición coruñesa. Ou sexa, as máis de medio milleiro de cintas magnéticas acubilladas polo Ateneo e que veñen de ser cedidas ao CCG para o seu tratamento, posta en valor e divulgación. Así o fixeron saber hoxe as dúas entidades durante a sinatura dun acordo conxunto formalizado Rosario Álvarez, presidenta do CCG, e Juan Luís Pérez Alvajar, presidente do ARGA, que salientaron o valor de conservación e difusión deste legado: un legado ao que contribuíron boa parte dos máis senlleiros políticos, escritores e intelectuais galegos e españois da Transición.
Segundo fixeron saber, o patrimonio está constituído por 450 horas de gravación almacenadas en 502 casetes e nelas figuran voces como as de Celso Emilio Ferreiro, Ramón Piñeiro, Nanina Santos, Juan Luis Cebrián, Xosé Manuel Beiras e boa parte da intelectualidade e da política do período pre-democrático. Rexistros que herdou o Ateneo Republicano de Galicia e que agora, ante o inminente cambio de sede da entidade, son cedidos ao CCG para a súa conservación e difusión.
Para a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, este acordo contribúe a “mellorar o noso rico patrimonio oral” e para o presidente do ARGA, Juan Luis Pérez Alvajar, supón poñer “a disposición da cidadanía un material de enorme interese”.
Nestas gravacións recóllense presentación de libros, conferencias, mesas redondas, homenaxes e outras actividades, tocándose temas como os nacionalismos, a entrada na OTAN, a problemática do nudismo, os inicios do feminismo ou a información cultural de axenda daqueles tempos.
O material procederá a dixitalizarse e integrará os fondos do Arquivo Sonoro de Galicia, iniciativa do CCG para recuperar o patrimonio oral (tanto culto como tradicional) e musical galegos.

PUBLICIDADE