O CCG celebra este 25 de marzo a figura de Carvalho Calero cun especial web

martes, 24 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

Dando un paso máis no seu importante traballo para facernos a vida confinada un pouco máis levadía estes días, achegándonos á nosa historia e á nosa cultura, o Consello da Cultura Galega vai publicar este 25 de marzo un especial web para difundir a vida, a obra e o legado de Ricardo Carvalho Calero, o homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Dáse a circunstancia de que o autor ferrolán festexado no vindeiro 17 de maio, unha figura clave da nosa cultura (foi o nexo de unión entre os grandes fitos de liberdade e galeguismo previos aos 1936 e a recuperación da democracia; e tamén un nexo de unión entre as culturas irmás de ámbalas beiras do Miño) e da nosa historia, morría en Santiago de Compostela tal día como mañá: un 25 de marzo de 1990.
Poderemos velo na web do Consello da Cultura, na sección adicada ás Letras Galegas 2020.
No especial conmemorativo que prepara o CCG achégase un completo feixe de recursos para comprender nas súas complexidades e matices a contribución de Carvalho Calero: audios, imaxes, un roteiro e un perfil biográfico que axuda a entender a dimensión desta figura á que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.
Henrique Rabuñal asina a biografía do homenaxeado e é tamén o autor dun roteiro que propón un percorrido por tres espazos nos que o autor desenvolveu a súa actividade intelectual, profesional e persoal: Santiago, Ferrol e Lugo. Un itinerario que se propón para tres xornadas, que parte da casa natal en Ferrol e remata na estación de tren de Lugo, un lugar simbólico desde o punto de vista persoal: foi o lugar onde despediu á súa familia para ir a Madrid en 1936 e onde, seis anos despois, abrazou por primeira vez á súa filla, despois de que a guerra o cercase en Madrid.
A parte gráfica consta de fotografías pertencentes ao arquivo documental do Consello da Cultura Galega, da Real Academia Galega e a unha serie de fotografías moi recoñecidas do autor ferrolán realizadas polo fotógrafo Moncho Rama, que as cedeu para uso exclusivo deste especial web.
Desde o Arquivo Sonoro de Galicia ofrécense cinco documentos que pertencen á Colección O Facho e que permiten escoitar na súa voz as súas opinión sobre o galego e o portugués, sobre Castelao ou Otero Pedrayo, entre outros galeguistas da época.

PUBLICIDADE