O Bq Aquaris E4.5 Ubuntu Edition vendeu hoxe as súas primeiras unidades

mércores, 11 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

Hoxe saíu á venda por tempo limitado e só para a Unión Europea o novo Bq Aquaris E4.5 Ubuntu Edition a un prezo de 169,90 euros, o que permite facer un achegamento asumible ao sistema operativo móbil desenvolvido por Canonical, que supón un importante cambio á hora de interactuar co smartphone, aínda que polo momento ten carencias que van dende un funcionamento inestable propio das primeiras versións dunha plataforma até a ausencia de aplicacións tan importantes actualmente como WhatsApp.
Este smartphone ten unha pantalla IPS de 4,5 polgadas cunha resolución de 960 x 540 píxeles, procesador MediaTek de catro núcleos a 1,3 GHz, 1 GB de RAM, 8 GB de almacenamento interno, cámaras de 8 e 5 Mpíxeles, dobre SIM, Bluetooth 4.0, batería de 2.150 mAh, un grosor de 9 milímetros e un peso de 123 gramos. Unhas prestacións bastante xustas que son dabondo para un terminal de entrada con Android (sistema operativo que incluía este terminal inicialmente) e que agora é o primeiro teléfono do mundo en funcionar con Ubuntu (para o que parecer ser potente dabondo, xa que este sistema operativo debería ser capaz de operar correctamente con terminais que teñan dende 512 MB de RAM).
O novo teléfono esgotou as unidades en pouco tempo, e irán poñéndose unidades á venda paulatinamente durante os vindeiros días en vendas lóstrego para atender a súa demanda inicial e suscitar tamén certo interese sobre o terminal de marca española (como demostrou o feito de que saturasen a páxina web do produto durante os primeiros minutos á venda).

JPEG - 48.5 KB
O novo sistema operativo móbil inclúe innovacións, pero carece de importantes aplicacións

PUBLICIDADE