O BlackBerry PlayBook reduce de xeito importante o seu prezo en España

martes, 24 de xaneiro do 2012 Marcus Fernández

Hai unhas semanas o tablet de Research In Motion (RIM), o BlackBerry PlayBook, reducía o prezo de todos os seus modelos nos EE.UU., mentres que en España algunha tenda amosaba ofertas de ata o 40% nestes dispositivos, pero agora a rebaixa do dispositivo é oficial, e aparece na propia tenda en liña da compañía, onde os modelos de 16, 32 e 64 Gb do BlackBerry PlayBook pasan de prezos de entre 499 a 699 euros a custar entre 299 e 319 euros, ou sexa, que o BlackBerry PlayBook de 64 Gb de capacidade tería un desconto de máis do 54%.
Estes prezos manteranse ata o remate do mes (ou fin de existencias), e aínda que o produto non fose inicialmente moi atractivo, grazas á actualización do seu software e á rebaixa do seu prezo é posible que moitos consumidores opten por facerse cun destes dispositivos que conta cunhas boas prestacións: pantalla de 7 polgadas cunha resolucíón de 1.024 x 600 píxeles, 1 Gb de RAM, cámaras de 3 e 5 Mpíxeles con gravación de vídeo en alta definición (1.080p), saída HDMI, compatibilidade con Adobe Flash Player 10.1 e HTML5 e a posibilidade de compartir o acceso á Rede cun terminal BlackBerry. As súas medidas son de 194 x 130 x 10 milímetros e o seu peso de 408 gramos.

JPEG - 43.1 KB
O PlayBook recibirá en breve unha actualización do seu sistema operativo

PUBLICIDADE