O BlackBerry PlayBook chegará ao mercado español o vindeiro luns

xoves, 9 de xuño do 2011 Marcus Fernández

Dende o pasado outono levamos agardando polo BlackBerry PlayBook, o primeiro tablet de RIM, que finalmente chegará ás tendas españolas o vindeiro 13 de xuño en modelos de 16, 32 e 64 Gb por 499, 599 e 699 euros respectivamente, lembrando excesivamente ao modelo de prezos do iPad de Apple.
Este tablet terá conexión Wi-Fi (RIM pensa que en mobilidade o seu sería facer tethering dende un móbil con tarifa de datos) e agárdase que Vodafone incorpore este dispositivo ao seu catálogo de produtos subvencionados este mesmo mes.
Lembremos que o BlackBerry PlayBook é un tablet cunha pantalla LCD multi-táctil de 7 polgadas cunha resolución de 1.024 x 600 píxeles, procesador de dobre núcleo a 1 GHz, sistema operativo BlackBerry Tablet OS (con soporte de Flash), Wi-Fi N, Bluetooth 2.1, cámaras de 3 e 5 Mpíxeles, unhas medidas de 194 x 130 x 10 milímetros e un peso de 425 gramos. Estamos así ante un trebello máis semellante a un Samsung Galaxy Tab que a un iPad, polo que podería ter certos problemas para atopar un lugar no mercado.

PUBLICIDADE