O BNG aspira a participar no Programa Pioneiros e a estrear o dominio bng.gal o Día da Patria

venres, 13 de xuño do 2014 Fernando Sarasketa

O Bloque Nacionalista Galego vén de presentar a súa solicitude para participar no Programa Pioneiros da iniciativa-asociación PuntoGal, responsábel da obtención do dominio galego .gal. Ao fío disto, o BNG confía en “ser unha das primeiras 90 entidades en contar con esta ferramenta na Internet estreando novo enderezo electrónico coa denominación bng.gal”. Esta, din fontes da agrupación política, pasaría xa que logo a substituír ao actual bng.org en todas as súas comunicacións na Rede. Por certo que as candidaturas aceptaranse en cuestión de días, e ese será o intre en que saberemos as identidades dos participantes da devandita listaxe.
Para o BNG, o dominio bng.gal será dobremente significativo có anterior: “Será un dominio claro, directo e, sobre todo, identificador do noso país na Internet que é o mesmo que dicir na comunicación global”. Son palabras do voceiro nacional, Xavier Vence, que salientou a “enorme relevancia da iniciativa para promover a difusión e facer visible a nosa lingua, a nosa cultura e situar a Galiza no mapa das comunicacións por Internet”.
A intención do partido é amosar o dono distintivo dixital o Día da Patria, o 25 de xullo, data elixida polos promotores de PuntoGal para amosar e visualizar ante a cidadanía os 90 nomes pioneiros co dominio propiamente galego. “Os pioneiros”, informou recentemente a plataforma, “terán a vantaxe de poder publicar webs baixo o .gal catro meses antes co resto, gozando dunha maior visibilidade”. Sexa como sexa, todo indica que as organizacións políticas máis representativas, ao igual que as entidades e institucións máis senlleiras da nosa terra, así como empresas de referencia, formarán parte do Programa Pioneiros. Así llelo fixeron saber os máximos responsábeis da iniciativa PuntoGal, Manuel González e Camilo Regueiro, aos integrantes do Bloque Nacionalista Galego nunha xuntanza recente. González agradeceu o “apoio incondicional” do BNG e, segundo informa a agrupación política galega, compartiu a proposta dos nacionalistas para impulsar unha declaración de apoio institucional dende a Cámara galega ao dominio .gal.

PUBLICIDADE