O Atlético de Madrid incorpora a ferramenta ADESTRapp da galega Balidea

luns, 24 de abril do 2017 Fernando Sarasketa

A firma compostelá Balidea segue a colleitar éxitos arredor de ADESTRapp, a ferramenta móbil dirixida a permitirnos e facilitarnos a captación, transmisión e análise de vídeo en contornas de competición, adestramento e arbitraxe (ou sexa, a permitirnos tomar nota do xogado e do adestrado para mellorar ao máximo o rendemento dos deportistas e xogadores). Se en datas posteriores falamos da paxína web da ferramenta e da súa integración nas contornas do Deportivo da Coruña, do Club Deportivo As Pontes ou do Judo Club Coruña (entidades que xa apostaron polo sistema e que amosaron a súa satisfacción coa experiencia), agora é a quenda de falar da que sería unha nova confirmación do espallamento estatal de ADESTRapp: a súa incorporación no seo do Atlético de Madrid como ferramenta de análise de vídeo.
Segundo puidemos saber, a aplicación está presente no club madrileño dende o comezo da presenta tempada, integrado no departamento de Análise da entidade, que dispón desta maneira “dun sistema para realizar estudos detallados e cortes de vídeo en tempo real, con ou sen retardo, e transmitilos logo en liña, tanto nos adestramentos como nos partidos dos diferentes equipos do club”.
Balidea contounos a respecto do devandito que a implantación de ferramenta no Atlético de Madrid levou unha instalación fixa na Cidade Deportiva Wanda, ademais de contar con dispositivos portátiles para o seu uso de maneira autónoma en calquera outra instalación deportiva, “cando actúa como visitante”.
Jose Luís Sánchez Vera, responsábel do departamento de Análise do club, salienta que ADESTRapp achega ás entidades deportivas “un concepto metodolóxico innovador, a posibilidade de acceder a certo control instantáneo dos intres do adestramento e das situacións en competición”. Tamén pon de relevo que a ferramenta permite que nunha contorna de competición se realice unha análise moito máis rápida e áxil das situacións de partido co obxectivo de poder corrixilas de xeito inmediato”.
O sistema está a utilizarse de maneira sistemática no filial, o equipo feminino e os diferentes equipos de categorías inferiores. Ademais, integrouse e púxose en marcha un sistema de captura e estudo de vídeo integral na Cidade Deportiva Wanda Atlético de Madrid que dá cobertura permanente a todos os campos da mesma.
Respecto da presenza de ADESTRapp no mundo, o sistema está a ser empregado arestora por clubs de diversos países para optimizar os seus traballos técnicos e tácticos. Entre estas entidades deportivas pódese destacar, ademais do Atlético de Madrid, o R.C. Deportivo, o R. Betis, o C.D. Leganés ou o Málaga C.F. da Primeira División española. Ademais, integrárono xa outros clubs das diferentes ligas estranxeiras como o C.F. Pachuca de México, finalista da liga de Campións da CONCACAF, o Xangai Shenhua da Superliga Chinesa, así como clubs de primeira categoría de Rusia, Australia, Arxentina, Dinamarca, Israel ou Uruguai. Balidea tamén informa do emprego con éxito de ADESTRapp noutros deportes, como en baloncesto na Liga ACB por parte do Obradoiro, en fútbol sala por parte do Al-Nasr Dubai ou en fútbol praia da man de Ramiro Amarelle.

PUBLICIDADE