O Asus Eee PC chega ó Xapón con Windows XP preinstalado

venres, 25 de xaneiro do 2008 Marcus Fernández

A pesar do proxecto OLPC e de Intel, o ordenador ultraportátil que está a resultar mellor acollido por crítica e público é o Asus Eee PC, normalmente caracterizado polo seu pequeno tamaño e por levar de serie o sistema operativo Linux, pero o panorama pare que está a cambiar, pois hoxe comeza a venderse no Xapón incluíndo o sistema operativo Windows XP preinstalado, o que para moitos incrementa o atractivo dun equipo que promete revolucionar a informática portátil.
O equipo que se vende no Xapón por 49.800 iens (314,34 euros) é un Eee PC 710, con 4 Gb de almacenamento, 512 Mb de RAM, procesador Intel Celeron M a 900 MHz, unha pantalla de 7 polgadas cunha resolución de 800 x 480 píxeles, 3 portos USB, un lector de tarxetas SDHC, conectividade Fast Ethernet e Wi-Fi, e unha webcam de 0,3 Mpíxeles.
O lanzamento deste equipo no Xapón indica por unha banda que a comercialización internacional do Eee está a ir a un bo ritmo e sorprende porque non se agardaba unha versión de Windows XP adaptada para este portátil ata finais de febreiro ou comezos de marzo.

PUBLICIDADE