O Asistente de Google chega aos altofalantes de Sonos

martes, 14 de maio do 2019 Marcus Fernández

Os altofalantes Sonos One poden funcionar con Alexa ou co Asistente de Google en función das preferencias do usuario

A elección dun asistente de voz para o fogar non é unha tarefa doada, xa que supón un certo compromiso a longo prazo con todo un ecosistema de hardware e software, de aí que para moitos usuarios interesados en introducir altofalantes conectados no fogar resultase moi atractiva a proposta de Sonos, fabricante que prometía compatibilidade coa meirande parte de asistentes de voz.
Nos últimos meses os altofalantes de Sonos incorporaron compatibilidade con AirPlay 2 (facilitando o seu uso dende dispositivos de Apple) e con Alexa (o asistente de voz de Amazon), e agora por fin inician a vindeira fase para converterse nunha das opcións do mercado máis completas, comezando a integrar o Asistente de Google nos altofalantes de EE.UU., aínda que non está previsto que chegue a España até despois do mes de xullo.
Deste xeito, os usuarios de altofalantes Sonos One ou Sonos Beam poden gozar do Asistente de Google coma se tivesen un altofalante Google Home, converténdose Sonos na primeira compañía en ofrecer 2 asistentes de voz simultáneos no mesmo sistema, podendo o usuario elixir que asistente quere que operen en cada un dos altofalantes que teña no fogar.
O Asistente de Google nos altofalantes de Sonos permite, por exemplo, gozar da reprodución musical mediante ordes faladas, invocar a servizos como Spotify, controlar o televisor en certas configuracións, responder a preguntas, xestionar a axenda e incluso controlar a electrónica doméstica.

As barras de son Sonos Beam poden gozar do Asistente de Google nos EE.UU.

PUBLICIDADE