O Apple TV ábrese á ultra alta definición

martes, 12 de setembro do 2017 Marcus Fernández

Un dos produtos que Apple deixou máis de lado nos últimos anos é o Apple TV, que claramente estaba afastado das demandas do mercado, polo que era precisa a súa renovación, corrixindo erros da súa versión actual, como era a carencia da ultra alta definición, de aí que agora teremos un Apple TV 4K que será compatible con televisores 4K con HDR, ofrecendo así imaxes que non só teñen unha elevada resolución, senón que tamén presenta unhas cores moi realistas e mellor reprodución de secuencias escuras e claras.
Este produto chega cunha agradable sorpresa para os propietarios de anteriores Apple TV, xa que anunciaron que a colección de películas en alta definición que teña o usuario actualizarase a 4K con HDR sen custo adicional, xa que o prezo das versión 4K e HD será idéntico. Amais, o Apple TV 4K tamén engadirá o soporte de 4K con HDR nas aplicacións de Netflix e Amazon Prime Video.
Os tipos de HDR que incorpora o novo Apple TV será Dolby Vision e HDR10, o que o fai compatible con practicamente todos os televisores con HDR do mercado. O dispositivo detectará as prestacións do televisor para procurar presentarlle a imaxe na mellor calidade posible.
O Apple TV 4K mellora fronte a anterior versión por contar cun procesador máis avanzado (A10X Fusion), saída HDMI 2.0a (soportando así 4K con HDR), e unha mellor conectividade (Gigabit Ethernet, Wi-Fi AC con dobre banda simultánea e Bluetoth 5.0), elemento que tamén é importante para a reprodución de contidos en ultra alta definición.
Este novo Apple TV estará dispoñible a partires do 22 de setembro, abríndose a reserva o 15 de setembro a un prezo de 199 euros para o modelo con 32 GB de almacenamento interno e de 219 euros para o modelo con 64 GB de almacenamento interno.

Dramatización sobre como mellora o 4K con HDR co Apple TV 4K

PUBLICIDADE