O Android de Google será de pagamento na UE baixo certas circunstancias

mércores, 17 de outubro do 2018 Marcus Fernández

O pasado verán a Comisión Europea impuxo a Google unha multa de 4.342.865.000 euros por vulnerar as normas antimonopolio da Unión con Android, e aínda que dende Google consideran que o seu modelo de negocio era beneficioso para a industria e a sociedade, decidiron apelar a sanción, aínda que ao mesmo tempo tamén a acatan, de xeito que mentres non se resolva o recurso de apelación mudarán as condicións nas que subministran Android aos fabricantes de móbiles e tabletas que se comecialicen en Europa.
Por unha banda actualizan o acordo de compatibilidade cos fabricantes de dispositivos móbiles para permitirlles tamén a comercialización de dispositivos que fagan uso de versión de Android distintas ás de Google; ofrecerán por separado as licencias de Chrome e da aplicación de busca de Google; e, permitirán comercializar o conxunto de aplicacións móbiles de Google sen Chrome e o buscador de Google, pero dado que estas aplicacións son as que en boa medida financian o desenvolvemento de Android, introducirán un novo tipo de licenza de pagamento para os móbiles que queiran comercializarse coas aplicacións de Google.
Estas novas opcións de licenza entrarán en vigor o 29 de outubro para todos os novos smartphones e tabletas que se lancen na Unión Europea.
Esta decisión de Google serven en boa medida para deixar en evidencia a sanción da Comisión Europea, xa que as novas condicións cumprirían formalmente coas esixencias dos reguladores, pero na práctica non mudaría nada, xa que é sumamente improbable que un fabricante de móbiles decida pagar por Android para poder prescindir do buscador de Google e do navegador Chrome que, por outra banda, son aplicacións demandadas polos usuarios.

PUBLICIDADE