O Álvaro Cunqueiro de Vigo mostra en novembro todo o que a Impresión en 3D pode facer pola nosa saúde

luns, 23 de outubro do 2017 Redacción

O vindeiro 20 de novembro vanse celebrar no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo uns encontros destinados a mostrar o potencial médico das tecnoloxías de fabricación aditiva para dar forma a obxectos tridimensionais (obxectos tridimensionais que nos axuden a interpretar a realidade da que abrollan estes obxectos). As Xornadas de Impresión 3D: Medicamento Personalizado celebraranse ao longo do día, sendo o evento da mañá de acceso restrinxido a xerentes, xefes de área, profesionais sanitarios, enxeñeiros e empresas do sector e todos aqueles actores que se atopan na cadea de valor da impresión 3D en saúde. Esta xeira de mañá, de carácter eminentemente profesional, celébrase en colaboración con 3DHeals, plataforma global con base en San Francisco que traballa na achega de materiais tridimensionais no ámbito da medicina.
Nesta primeira metade da xornada abordaranse os aspectos máis técnicos da bioimpresión e as súas aplicacións nos eidos da odontoloxía, a enxeñaría, a traumatoloxía ou a cirurxía torácica. Tamén se van tratar, ante o público especializado (directivos, xefes de área, enxeñeiros, fabricantes, provedores e, en xeral, axentes involucrados na cadea de valor da Impresión 3d en saúde), os regulamentos e as normativas dos ditos espazos de traballo e investigación.
A xeira de tarde, Chapter Health 2.0 Galicia, oriéntase cara a unha difusión máis ampla do coñecemento en fabricación aditiva. Trataranse os conceptos crave, experiencias, como se aborda a formación e os desafíos futuros máis aló do horizonte visíbel da man de pacientes, enxeñeiros, médicos, cirurxiáns e farmacéuticos.
En ambos os eventos contarase con demostracións prácticas e, en palabras da organización da xornada, “unha sala de exhibición chea de sorpresas”.
Segundo lembran os impulsores do evento a conto dos porqués do mesmo, “a tecnoloxía de Impresión en 3D emprégase desde hai anos en distintos sectores e as súas posibilidades van alén dos límites do esperado, poñéndose á par dos ámbitos da robótica, a intelixencia artificial, o Big Data ou a nanotecnoloxía, para dar forma á última revolución industrial denominada 4.0”. E engaden: “A fabricación aditiva con diversos materiais fornece dunha manchea de beneficios económicos, loxísticos, ecolóxicos e achegan un grao de personalización para cada paciente cun alto impacto na saúde individual e colectiva, podendo ser aplicada en case a totalidade de especialidades médicas”.

PUBLICIDADE