O Álbum de Galicia incorpora a Ramiro Vidal, figura clave da colectividade galega en Lisboa

mércores, 7 de abril do 2021 Redacción

O Álbum de Galicia, a gran base de datos do Consello da Cultura Galega sobre a historia da nosa terra a través dos nomes propios dalgúns dos seus grandes protagonistas, vén de recibir co inicio de abril unha nova incorporación. Trátase da biografía de Ramiro Vidal, figura destacada para entender o xermolo da colectividade galega en Lisboa.
Ramiro Vidal Carrera (Taboexa, As Neves, 1887 – Vilasobroso, Mondariz, 1967) é a última incorporación ao Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega (CCG). Na súa entrada biográfica achega a súa evolución como empresario, pero tamén a súa faceta de político e colaborador en diferentes xornais. A entrada foi elaborada por Miguel Regojo Fernández, bisneto de Remiro Vidal, que cedeu material ao Arquivo da Emigración Galega (AEG).
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o CCG presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é “dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país”, en palabras do CCG.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas.
Ademais, permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega.
O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.

PUBLICIDADE