O ADSL rural incrementará de velocidade (ou baixará de prezo) a partir de xuño

xoves, 8 de maio do 2008 Marcus Fernández

JPEG - 54.3 KB
Descrición do servizo actual aparecida na web de Telefónica

Os usuarios de liñas de ADSL rural, tras denunciar en numerosas ocasións a discriminación que padecían no tocante aos prezos e velocidades das súas conexións á Rede verán coma nos seguintes meses as súas liñas pasarán a ter condicións urbanas, pois a partir de xuño Telefónica mellorará as velocidades destas conexións de 512 Kbps a 1 ou 3 Mbps (segundo zonas) conservando o prezo de 39,90 euros/mes.
Pero a distancia das centrais de telefonía de moitos domicilios imposibilita en moitos casos mellorar a velocidade actuais, e en tal caso Telefónica reducirá o seu prezo a 29,90 euros/mes, o que só debería producirse no 20% dos 66.863 usuarios que actualmente teñen este tipo de conexións.
Esta iniciativa precisa dun investimento de 70 millóns de euros para adecuar as centrais para dar un servizo igualitario para todos os usuarios de liñas ADSL en España, e suporá o adeus definitivo ao ADSL rural.
Actualmente hai 8.061 usuarios do ADSL rural en Galicia que verán así satisfeitas as súas reivindicacións, pois ata o momento están a pagar máis e recibir menos que os usuarios urbanos.
Cómpre destacar que o servizo de ADSL Ámbito Rural está asociado ao PEBA do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e está cofinanciado por fondos FEDER en Galicia, Andalucía, Asturias, Canarias, Castela e León, Castela-A Mancha, Comunidade Valenciana e Murcia.

PUBLICIDADE