O 99% dos domicilios con escolares da nosa terra teñen Internet contratada

luns, 21 de setembro do 2020 S. P.

O observatorio OSIMGA, dependente da axencia autonómica AMTEGA, vén de publicar un novo estudo que confirma a capacidade das novas xeracións para dixitalizar as contornas familiares. En concreto, na investigación acabada de publicar faise saber que a porcentaxe de fogares galegos con nenos ideades escolar que teñen contratado Internet é do 99%.
A taxa xeral (incluíndo domicilios sen nenos en idades escolar) é do 88,1%, segundo se recolle no estudo A Sociedade da Información nos fogares galegos. Edición 2019. Esta porcentaxe supón un incremento dun 11,9% respecto ao ano 2016. O observatorio salienta que no mesmo período, Galicia presenta un ascenso superior ao observado a nivel europeo (5,9%) e moi semellante ao crecemento da media estatal (11,6%).
O informe amosa tamén que o medre na contratación a internet rexístrase especialmente nos núcleos de menos habitantes. Deste xeito, nas entidades de poboación con menos de 5.000 persoas, a porcentaxe de fogares con servizo de internet sitúase no 79%, fronte ao 69,7% de 2018.
O estudo incide no tipo de conexión contratada. Así, máis da metade dos fogares galegos (51%) que ten contratado Internet, conta cunha conexión á Rede superior a 30 Mbps, o que supón un incremento do 6% respecto ao ano anterior e, amosando a rápida evolución de velocidade dispoñible. O informe tamén destaca o incremento do 81,7% experimentado pola porcentaxe de fogares con velocidade de conexión a Internet contratada superior aos 100 Mbps no último ano, situándose no 23,8%.
Máis uso de Internet
Respecto á utilización de Internet, a porcentaxe de usuarios incrementouse un 6,9% respecto ao resultado do ano 2018 e sitúase no 85,6%. No caso de convivencia con nenos e nenas en idade escolar obrigatoria a porcentaxe de uso de internet ascende ao 95,8% No período 2016-2019, a evolución de persoas que utilizaron Internet nos tres últimos meses en Galicia foi dun 15,7% dende o ano 2016, fronte ao 12,5% do conxunto de España e o 4,9% da UE. Entre os galegos/as que utilizaron Internet nos últimos tres meses, un 85,6% faino a diario e un 11,6% todas as semanas, que sitúan a Galicia cuns datos moi semellantes -mesmo un pouco por riba- da media estatal.
A investigación destaca que “o uso de Internet continúa a incrementarse en todos os tipos de hábitat analizados, e é de salientar que nos concellos de menos de 5.000 habitantes experimentouse a maior suba do indicador desde o pasado ano (11,9 puntos porcentuais)”. Deste xeito, engádese, preto do 74% das persoas que residen nestes municipios utilizaron Internet nos últimos tres meses.
eAdministración
No referente á Administración Electrónica, en 2019 o 70,6% dos internautas galegos interactuaron coas administracións públicas a través de Internet nos últimos doce meses para obter información, o que supón un incremento do 6,5% no último ano. No conxunto do Estado este indicador sitúase no 53,7%. Ademais, o 66,8% das persoas que utilizaron Internet nos últimos 12 meses e realizaron xestións coa Administración, tamén enviaron formularios cumprimentados a través da Rede.
O tipo de interacción coas administracións que máis se incrementou o último ano foi a descarga de documentos xerados polas propias administracións a petición do cidadáns, que experimentou un crecemento do 44,4% e sitúase no 52%.
Factores determinantes
No estudo engádese que “con independencia do indicador que se estea a analizar, atópase un denominador común: a influenza de determinados factores e características socio-demográficas na implantación e evolución das TIC en Galicia”. Segundo se detalla, os factores que inciden máis intensamente nos indicadores TIC analizados son a idade, o nivel de estudos, a renda familiar e o tamaño do hábitat.
A menor idade, maior uso da Internet, acadando niveis de uso practicamente universais nas idades máis temperás. A comparativa entre Galicia e España amosa que, ata os 44 anos, Galicia converxe coa media estatal e mesmo a supera lixeiramente entre os 16 e os 34 anos.
Estudantes, ocupados e persoas con nivel formativo secundario ou máis alto son os colectivos que máis utilizaron Internet nos últimos tres meses.
Os fogares situados nos hábitats máis poboados acadan porcentaxes superiores de contratación de Internet; situándose por riba do 90% nos concellos de máis de 20.000 habitantes.
O número de persoas no fogar novamente afecta de maneira positiva á contratación de Internet, superando o 98,6% de fogares con Internet contratado nas vivendas de 4 membros.

PUBLICIDADE