O 85% da superficie empresarial da provincia de Lugo gozará de Internet a máis de 100 Mbps ao remate do ano

mércores, 12 de setembro do 2018 Redacción

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo esta mañá unha xuntanza coa asociación que agrupa aos empresarios dos polígonos industriais de Sarria (O Morelle e San Xulián de Veiga) que veñen de beneficiarse recentemente da ampliación de cobertura das redes de Internet ultrarrápida (ou sexa, de máis de 100 Mbps), salientando que ao remate do presente ano o 85% da superficie empresarial ocupada da provincia de Lugo tamén gozará de tal cobertura en virtude do desenvolvemento do Plan de Banda Larga da Xunta.
Na provincia de Lugo xa se benefician desta actuación 11 polígonos industriais e no que falta de ano chegarase a outros 3 máis, acadando un total de 14 superficies empresariais conectadas a redes ultrarrápidas. As empresas dos polígonos beneficiados desta medida do Plan poden contratar servizos de Internet a través de fibra óptica cunhas velocidades de ata 350 Mbps de baixada e 35 de subida, e cunha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas.
A AMTGA subvenciona estes despregamentos cunha axuda de 3,4 millóns de euros, que xerarán un investimento total de de 5,2 millóns de euros. Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).

PUBLICIDADE