O 54% das persoas licenciadas da UVigo teletraballaron durante o confinamento

martes, 6 de outubro do 2020 S. P.

A Universidade de Vigo vén de facer balance da actividade laboral xerada online durante o confinamento pola comunidade dos campus, concretamente por aqueles estudantes e estudantes que xa encamiñaron os seus pasos no mercado empresarial. Segundo se fai saber, o 54% destas persoas teletraballaron durante o confinamento, unha cifra que cocha de fronte coas cifras previas: antes da crise sanitaria, a maioría das persoas tituladas pola Universidade de Vigo (60,8%) carecía de experiencia previa na realización da súa actividade laboral en remoto.
Son datos do Estudo sobre o impacto laboral da actual crise pola COVID-19 nas persoas tituladas da UVigo. O informe, realizado polo Observatorio de Persoas Tituladas da propia Universidade e cuxo primeiro adianto de resultados vén de facerse público na web do Consello Social, é “o primeiro que, no ámbito do sistema universitario español, avalía o impacto laboral da primeira vaga da pandemia no colectivo de egresados dunha universidade pública”, subliñan os seus impulsores: Luis Espada, director do observatorio, e Víctor R. Martínez Cacharrón, enxeñeiro industrial que se encargou de realizar a análise dos datos.
A investigación realizouse entre os días 25 de maio e 8 de xullo e nela participaron 3.217 persoas tituladas –de múltiples promocións e titulacións- que responderon unha enquisa en liña que estaba aloxada na web do observatorio e que foi tamén enviada de xeito masivo por correo electrónico.
Para avaliar o impacto laboral da crise sanitaria inquiriuse pola situación socio-laboral de cada unha das persoas enquisadas no momento previo á crise e no momento de responder a enquisa. Os resultados poñen agora sobre a mesa unha conclusión clara: a inmensa maioría (85,9%) segue no mesmo emprego/actividade que tiña antes do inicio da pandemia. Un 5% perdeu o traballo que tiña durante esta crise; o 4,3% xa estaba desempregado; un 3% segue na mesma situación anterior (estudante, xubilado/pensionista, prepara oposicións,...); un 1,2% mudou de emprego e só o 0,6% encontrou emprego no período avaliado.

PUBLICIDADE