No que vai de ano o 44% da facturación da Xunta tramitouse electronicamente

xoves, 18 de xullo do 2013 Redacción

Na rolda de prensa posterior á celebración do Consello da Xunta desta mañá, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, deu conta do bo funcionamento que está a ter o sistema de factura electrónica implantado polo Goberno galego, “que acadou o 44% da facturación da Xunta ata o 15 de xuño deste ano”, converténdose a nosa comunidade na “que máis está a utilizar o sistema de factura electrónica e, en consecuencia, as empresas e provedores da xunta de Galicia son os máis beneficiados polo sistema”.
Feijoo asegura que “estamos practicamente en disposición de cumprir a maioría dos preceptos da futura lei de factura electrónica” anunciada recentemente polo Goberno central grazas a que Galicia “ten moito camiño andado e estamos logrando substituír un modelo máis burocrático en papel por un modelo máis simplificado e máis ordenado, que é o modelo electrónico”.
Destacou o incremento no nivel de uso da factura electrónica, que se puxo en marcha en febreiro de 2010 e acadou ese ano 21% de implantación, o que comparou co dato de decembro de 2012 do 42% de aplicación, e o do 15 de xullo de 2013, que chega ata o 44%.
Na súa comparecencia, o presidente galego informou de que, desde a súa posta en marcha, a Xunta pagou máis de 37.000 facturas electrónicas que emitiron 3.738 empresas, mentres que hai máis de 1.369 usuarios “que teñen relación directa coa Xunta de Galicia” a través deste sistema. Tamén remarcou que a factura electrónica axiliza o proceso de pagamento, co que “contribúe a diminuír ou evitar os problemas de liquidez das empresas” ao tempo que “avanza no obxectivo de e-goberno, dunha Administración máis áxil e máis eficaz”. Ademais, destacou que este é un sistema que “reduce os custos e optimiza os recursos humanos”, sinalando a estimación de que por cada factura electrónica se aforran 3,5 euros.

PUBLICIDADE