O 28 temos unha cita na Coruña contra as mensaxes negativas na Rede: o #Migratón

venres, 21 de febreiro do 2020 Fernando Sarasketa

Este 28 de febreiro prosegue o programa de actividades do Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación (LAIC) do programa municipal Coruña Dixital, impulsado pola Concellería de Educación e Cultura. A nova sesión centrarase no ciberactivismo contra o discurso de odio na Rede.
Levarase a cabo en horario de 16.00 a 20.00 horas, no Centro Ágora. O fío temático será a proliferación das mensaxes negativas en Internet en contra dos emigrantes, poñendo o foco en metodoloxías eficaces para poñerlles freo e combatelas. A sesión será impartida pola Fundación porCausa, unha entidade promovida por profesionais de referencia no ámbito do xornalismo, a socioloxía e a investigación. Coruña Dixital sinala que aínda que temos prazas para participar na sesión, na que podemos inscribirnos a través da web de seu.
Esta actividade, explican as organizadoras, está dirixida “a calquera persoa con interese en combater no ámbito dixital os discursos negativos vinculados ao fenómeno das migracións e, dun modo especial, a xente do xornalismo e a comunicación, así como a quen estea involucrado profesionalmente ou como activista en temas de migración”.
Baixo o nome de #Migratón, a actividade pretende “dotar de ferramentas coas que darlle a volta ao relato negativo e de odio, traballando desde a creatividade e xerando novos marcos narrativos.”

PUBLICIDADE