O 26 de abril a UVigo celebra o gran concurso galego de robótica

martes, 16 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

O 26 de abril imos ter en Vigo unha cita coas tecnoloxías futuras que comezan a ser, tamén, tecnoloxías do presente: a ser cousas que podemos ver e tocar e coas que podemos traballar. Estamos a falar da quinta edición da Competición de Robots da Escola de Enxeñaría Industrial de Vigo, un evento argalleiro onde todo estará disposto para liberar o camiño creativo dos novos makers de calquera tipo de atranco. O obxectivo: espertar o interese das e dos rapaces polas disciplinas STEAM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas).
Respecto das novidades principais desta edición, poranse en xogo máis obstáculos nas probas e introducirase un novo sistema de cronometraxe para as probas, desenvolvido por un grupo de traballo da devandita escola.
Unha vez máis, o certame vén con dúas categorías para competir: Wall-E (para ensino secundario, ESO e Bacharelato, e convidando ao alumnado a montar e programar un robot móbil partindo dun kit básico, programábel con Scratch e compatíbel coa plataforma de fontes abertas Arduino) e R2-D2 (para titulacións superiores e propoñendo aos asistentes a creación de robots cun tamaño máximo da envolvente dun cubo de 20 cm de lado, un peso máximo de 1.500 gramos e con sensórica, feitura, cor e configuración de tracción libre).
Para quen non o saiba, a Competición de Robots da EEI de Vigo vén da man da dita Escola en colaboración coa rama de estudantes do Institute of Electrical and Electronics Engineers e a sección de estudantes da International Society of Automation da Universidade de Vigo. Este ano, logo de ter xuntado ao longo da súa andaina máis de 3.000 estudantes, a intención dos organizadores da xuntanza é bater marcas en número de participantes, equipos e enxeños a concurso.

PUBLICIDADE