O 26 Foro Tecnolóxico de Emprego da UVigo amplía o foco ao alumnado de FP

mércores, 11 de febreiro do 2026 S. P.

Comezou a conta atrás para a celebración, no Campus de Vigo os vindeiros 24 e 25 de febreiro, dunha nova edición (a 26) do Foro Tecnolóxico de Emprego, unha cita que este ano amplía o foco ao alumnado de ciclos formativos de Formación Profesional. Así o anunciaron este martes 10 as e os responsables da cita, estudantes de enxeñaría na UVigo, nunha xuntanza mantida co alcalde, Abel Caballero, no Concello de Vigo.
No encontro aproveitaron para convidar a todas as mozas e mozos da cidade, non só estudantes de enxeñaría, a achegarse nalgún deses días as tres escolas de enxeñaría do campus, “convertidas nestas datas en punto de encontro entre o talento que está a piques de incorporarse ao mercado laboral e as empresas que están en pleno proceso de captación de novos profesionais”, informaron.
Asistiron á xuntanza Juan Pontón, coordinador xeral desta edición, xunto con Antía Rodal, Andrea Vicente e Belén Puente, coordinadoras de Comunicación, Organización e de Marketing.
Deste xeito, o alumnado animou a todo o alumnado, non só universitario, senón tamén dos ciclos técnicos de Formación Profesional a participar nas diferentes iniciativas, desde a visita ás postos das empresas ata os talleres formativos, algúns de carácter máis técnico e outros de carácter xeral sobre orientación laboral, onde aprender a facer un CV, como enfrontarse a unha entrevista de traballo...
O equipo da UVigo fixo fincapé en que o principal elemento que define o foro é ser unha iniciativa “organizada por estudantes para os estudantes”, polo que está perfectamente adaptada ás necesidades do alumnado, sobre todo pensando naqueles que están a piques de rematar a carreira, “facilitándolles a transición ao mundo laboral”.
Pola súa banda, o alcalde agradeceulles todo o labor que, ano a ano, levan a cabo e comprometeu o apoio do Concello non só a esta iniciativa, senón a todas aquelas que poidan xurdir de cara a conectar o talento tecnolóxico coa propia cidade. “Estamos xa na 26 edición do foro, o que significa que cando isto arrancou eu estaba activo na Universidade, eran os meus tempos de catedrático de Economía”, salientou Caballero, quen aproveitou a ocasión para resaltar o papel do foro como lugar de encontro “no que pór en contacto a excelencia formativa da Universidade cos principais axentes sociais, as empresas”.
En relación tamén ao “excepcional talento tecnolóxico” que reside en Vigo, puxo en valor a capacidade que se acumula nesta cidade de desenvolver tecnoloxía e saber levala adiante. Como exemplos deste saber facer botou man da fábrica de chips fotónicos da que apenas hai uns días se puxo a primeira pedra, “un proxecto que xurdiu precisamente na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación”, ou o caso da empresa Indra “que vai contratar de maneira inmediata a 200 enxeñeiras e enxeñeiros”.
Na listaxe de empresas participantes deste ano atópanse as tecnolóxicas Accenture, Alén Space, Appus, ASM, Balidea, Borgwarner, Campus Dual TIC, CATEC, CEAGA, CENTUM, COREN, Cortizo, DataSpartan, Deloitte, DHV, Dinak EcoForest, EGATEL, EY, Faramax Trafo, FEUGA, FINSA, GB TEC, GMV, GOC, Gradiant, Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, Imatia, Improven, Inasus, Indra, INECO, Inprosec, JEALSA, KPMG, MSIO, Marine Instruments, MetalDeza, Navantia, Norvento Enerxía, NTT Data, OESIA, Optare Solutions, Profand, PWC, SDG, Serveo, Sixtema, STAC, Syspro, Technica Engineering, Televés de LifeTec.