O 25 de marzo celebrarase a segunda #QuedadaCoruña

venres, 24 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

O ano pasado ducias de tuiteiros xuntáronse na cidade da Coruña para pórse cara e, ademais, aportar alimentos non perecedoiros para o Banco de Alimentos, dándolle unha pincelada altruísta a este encontro informal convocada a golpe de chíos, no que podería considerarse unha convocatoria bastante orgánica e autoxestionada polos seus propios participantes.
En vista do éxito da primeira convocatoria decidiron recuperar o formato e convocan aos interesado a acudir o vindeiro 25 de marzo ás 20:30 horas á Praza de María Pita, punto de encontro no que terá lugar a 2ª edición da #QuedadaCoruña, para trasladarse un anaco despois a El Feudo, local de hostalaría próximo no que continuar a velada dun xeito máis distendido, facilitando así a socialización dos participantes.
Desta volta convídase aos asistentes a achegar alimentos non perecedoiros, produtos infantís e produtos de hixiene para a Cociña Económica, co que buscan unha vez máis que a participación neste encontro informal teña unha face solidaria.

PUBLICIDADE