O 20 de xuño temos unha cita en Lugo cos grandes retos tecnolóxicos do noso tempo

mércores, 12 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

A empresa lucense TripleM Projects, xunto cun grupo de firmas colaboradoras e agrupadas baixo o nexo común de faceren networking (entre as que se inclúe Noa Innova), vai organizar o día 20 de xuño unha máis que relevante cita empresarial arredor das vantaxes e retos da transformación e a revolución tecnolóxica. A Xornada DAM 2019, que contará coa presenza de sobranceiros relatores-profesionais do todo o eido peninsular (responsábeis de firmas punteiras estatais e internacionais dos máis destacados sectores), desenvolverase baixo o seguinte epígrafe: Estratexias e innovación empresarial na nova economía dixital. Será unha ocasión óptima para informarnos sobre os retos da nova economía e sobre as repercusións do escenario dixital nas empresas.
En palabras da organización, o obxectivo é “ofrecer unha visión global dos desafíos aos que nos enfrontamos e das alianzas que moitos de nós podemos e debemos tecer para manternos e medrar neste novo escenario dixital”.
A cita será no Instituto CIFP As Mercedes de Lugo, en horario matinal. Ao seu abeiro, os asistentes poderán dar conta das experiencias dos 14 relatores convocados, unhas experiencias que teñen en común o feito de abrollar directamente do proceso integral de transformación que estamos a vivir, impulsado pola creatividade, a innovación e a dixitalización.
Entre os conferenciantes atópanse especialistas nos devanditos tres puntos como por exemplo Fernando Freitas, director executivo de Dextra, Iván Caloto, director executivo de Valydo, Jesús Campos de las Heras, director executivo de Guía de la Calidad, Juan Diego Gallego, xefe de Marketing de Trustynet, Manuel Vázquez Corredoira, director executivo de TripleM, Octavio Vázquez Corredoira, director de Pcm+n-Dapedra, Óscar Rodríguez González, director xeral de Ledisson AIT ou Senén Quindós, CFO de Pcm+n-Dapedra-TripleM.
En definitiva, a finalidade da xornada é axudar, solucionar e dar resposta aos interrogantes desencadeados pola transformación dixital e poder ofrecer unha visión dos novos procesos de negocio, novos mercados, novas capacidades, novos talentos, que achegan novas oportunidades a través das novas formas de facer, aplicábeis ás empresas participantes e á contorna no que se desenvolven.

PUBLICIDADE