O 100% do alumnado de DigiCraft adquire un nivel de competencias dixitais medio-alto
venres, 17 de setembro do 2021
A
iniciativa DigiCraft, o programa formativo da Fundación Vodafone con
presenza nos centros educativos da nosa terra a través da
estreita relación entre a operadora e a axencia autonómica AMTEGA,
é definitivamente unha iniciativa de éxito, con capacidade de
formar en competencias dixitais medias-altas ao cen por cen do
alumnado que participa nela. Este dato foi extraído dun estudo
independente levado a cabo pola Universidade de Salamanca.
Nel,
máis en detalle, faise saber que DigiCraft mellora o nivel de
competencias dixitais do alumnado en todas as áreas definidas no
Marco Europeo de Competencias Dixitais DigComp: información e
alfabetización informacional, comunicación e colaboración,
creación de contido dixital, seguridade e resolución de problemas.
Así,
explícase no informe, as alumnas e alumnos sitúanse grazas a
Digicraft “nun nivel de competencia dixital global medio-alto e a
100% mellora a súa competencia dixital en todas as áreas definidas
no DigComp, con independencia do seu contexto educativo, o que reduce
a fenda dixital e contribúe á igualdade de oportunidade”. Amais,
o 95% dos profesores participantes adquiren coñecemento e
comprensión das ferramentas que lles proporciona o programa, sendo
capaces de empregalas noutras materias.
En
canto á fenda dixital, na avaliación inicial atópanse grandes
diferenzas nos niveis de competencia dixital que o alumnado tiña
antes de participar no programa,s diferenzas que se reducen de
maneira xeral e até un máximo de 8 puntos porcentuais. “Isto
demostra que o programa conseguiu minimizar a fenda dixital que
afectaba os alumnos antes de participar en DigiCraft”, sinala a
Fundación Vodafone, poñendo o foco nos beneficios do programa para
os dous grupos de idade que participan (6-8 e 9-12 anos), “xa que
ambos melloraron as súas competencias dixitais en todas as áreas”.