Nun par de anos todos os smartphones deberán cargar por USB-C

martes, 7 de xuño do 2022 Marcus Fernández

Durante os últimos anos os fabricantes de electrónica de consumo a nivel europea veñen harmonizando a súa tecnoloxía de carga como unha medida para reducir os refugallos electrónicos, de xeito que cun único cargador e cable poden cargarse numerosos dispositivos, pero ante a resistencia duns poucos fabricantes (entre os que é o principal expoñente Apple) o Parlamento Europeo chegou a un acordo provisorio para emendar a directiva europea que regula este tema, de xeito que para o outono de 2024 será obrigatorio que todos os móbiles, tabletas e cámaras que se vendan na Unión Europea poidan cargase mediante conectores USB-C.
As normativa europea pretende que practicamente todos os pequenos dispositivos de electrónica de consumo con batería recargable (o que afectaría incluso a consolas de videoxogos, lectores de libros electrónicos, auriculares sen fíos e altofalantes portátiles) poidan cargarse mediante USB-C, pretendendo que a longo prazo incluso os ordenadores portátiles pasen a utilizar tal sistema de carga.
Preténdese que tamén exista unha harmonización nos sistemas de carga rápida, para que poidamos gozar das tecnoloxías de carga rápida con cargadores compatibles cunha velocidade de carga en concreto.
Con estas medidas búscase que os consumidores tendan a reutilizar os seus cargadores de corrente e non merquen cargadores innecesarios, o que podería supor un aforro para os consumidores de 250 millóns de euros/ano e unha redución de 11.000 toneladas en refugallos cada ano.

PUBLICIDADE