Novos xogos animarán o segundo aniversario de PlayStation VR

martes, 9 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Esta semana cumpre dous anos PlayStation VR, e para celebralo realizan varios anuncios desta tecnoloxía que, pese a ser a de maior presenza no mercado, non parece estar a ter tanta vida como os seus usuarios desexarían. Entre os anuncios relativos á realidade virtual de PlayStation temos que confirman o lanzamento de Tetris Effect o vindeiro 9 de novembro, anuncian que o 16 de outubro estrean unha demo de balde de Astro Bot Rescue Mission, dan conta de que o 16 de outubro Firewall Zero Hour recibirá un novo DLC e, como prato forte, temos o anuncio do lanzamento de Borderlands 2 VR o vindeiro 14 de decembro.
A versión de realidade virtual de Borderlands 2 é obra de Gearbox Software, que consegue unha aproximación moi inmersiva ao mundo de saqueo de Pandora, que tanto éxito tivo no seu día. Borderlands 2 foi a consolidación da franquía de Gearbox, e nesta revisión do xogo para poder experimentalo con cascos de realidade virtual pretenden repetir éxito, para o que engadiron mecánicas e habilidades exclusivas para esta plataforma, como un uso do tempo bala que levará a este título até un novo nivel ou unha revolucionaria experiencia de condución, na que conducirase co mando de xogo mentres se apuntan as armas dos vehículos co casco de realidade virtual (de xeito que pódese conducir mentres se mira a outro lado).

PUBLICIDADE