Novos auriculares de Logitech para gamers

martes, 28 de setembro do 2010 Marcus Fernández

Para os xogadores máis habituais resulta un tanto frustrante ter que adquirir distintos periféricos para cadansúa consola de videoxogos, sendo pouco frecuente o hardware multi-plataforma, de aí que sorprenda agradablemente Logitech co seu novo Wireless Headset F540, auriculares sen fíos que poden conectarse ata a 3 dispositivos de audio (incluíndo a PlayStation 3 e a Xbox 360) e tamén inclúen un micrófono para realizar chat de voz (con cancelación de ruído).
Estes auriculares están pensados para os usuarios que gustan de xogar ata altas horas da noite sen molestar á veciños nin familiares. A súa base sen fíos integra 3 entradas de audio analóxicas o que facilita a conexión e distintos dispositivos (consolas de videoxogos, reprodutores de DVD/Blu-ray, reprodutores multimedia, televisores…) e integran controis nos propios auriculares (que permiten dende controlar o volume ata elixir cal das 3 fontes de son queremos escoitar).
Estes auriculares son recargables, conseguindo unha autonomía de ata 10 horas cunha única carga e chegarán ao mercado español a primeiros de decembro a un prezo de 149 euros.

Os afeccionados aos videoxogos en liña son os que máis agradecerán estes auriculares sen fíos de Logitech

PUBLICIDADE