Novos auriculares con cancelación de ruído de Huawei

venres, 11 de setembro do 2020 Marcus Fernández

Os auriculares sen fíos dos principais fabricantes están nunha carreira por conseguir unha mellor cancelación de ruído activa, e nesta liña chegan agora os Huawei FreeBuds Pro, auriculares que aseguran redefinir a cancelación de ruído grazas a unha tecnoloxía de cancelación híbrida, que emprega información recollida por micrófonos orientados cara ao interior e cara ao exterior para detectar o ruído residual e xerar así os sinais que cancelen ruído de até 40 dB.
Estes auriculares recoñecen o ambiente para aplicar distintos modos de cancelación, de xeito que non operan igual nun contorno normal, nunha estancia relativamente silenciosa (na que só tería que cancelar pequenos ruídos) ou en medios de transporte (onde tería que esforzarse para afastar ao usuario do rebumbio).
Os Huawei FreeBuds Pro están equipados cun sistema de 3 micrófonos (2 orientados cara ao exterior e 1 cara o interior) e tamén contan cun sensor de voz óseo, que axuda a recoñecer a voz do usuario durante as chamadas, conseguindo así unha mellor interpretación da súa voz. Tamén integran dobre antena Bluetooth, conseguindo así un sinal máis estable.
Poden manexarse mediante control táctil, ofrecen unha autonomía de até 4,5 horas de reprodución musical coa cancelación de ruído activada, que poden ampliarse até as 20 horas co seu estoxo de carga, autonomía chegaría até as 7/30 horas se omitimos a cancelación de ruído activa. Soportan a conexión simultánea a 2 dispositivos á vez, e incluso permiten o uso dun auricular solto a xeito de micrófono preto da boca, para situacións nas que non se quere falar cun volume de voz elevado.
Chegarán ao mercado no mes de outubro en 3 cores diferentes (negro, branco e gris) a un prezo de 199 euros.

Os Huawei FreeBuds Pro teñen varios modos de cancelación de ruído en función de onde esteamos

PUBLICIDADE