Novoneyra chega ás escolas galegas a través dun DVD didáctico

mércores, 13 de outubro do 2010 Raquel Noya

O escritor Uxío Novoneyra, homenaxeado no pasado Día das Letras Galegas deste ano, chega aos centros educativos a través do DVD En prol dun verso: Uxío Novoneyra, un documento audiovisual que busca achegarlle ao alumnado do noso país a figura e a obra do autor galego.
Os centros de ensino de Galicia que imparten educación secundaria xa dispoñen dun exemplar deste material, que tamén conta cunha unidade didáctica para traballar os contidos do vídeo.<br A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura promoveron esta obra como derradeira homenaxe a Uxío Novoneyra no 2010, ano que a Real Academia Galega lle dedica ao escritor.
Entre outros contidos, o DVD recolle imaxes de Uxío Novoneyra no Courel recitando os seus propios poemas, unha oralidade única que engarza a memoria do poeta co futuro, representado polos rapaces e rapazas da escola Seoane do Courel, que acompañan o autor no recital dos seus versos.
Asemade, o vídeo tamén intercala os testemuños e a análise literaria dos escritores Manuel Forcadela e Marica Campo, da crítica Dolores Vilavedra e do amigo e membro do grupo Brais Pinto Herminio Barreiro.
Ademais, o DVD acompáñase dunha unidade didáctica para afondar na figura e na obra do autor a partir do vídeo, dirixida, principalmente, ao alumnado de secundaria (ESO e bacharelato).

PUBLICIDADE