Novo teclado-funda para o iPad

luns, 8 de novembro do 2010 Marcus Fernández

Mentres produtos coma o ClamCase levan meses abraiando cos seus coidados anuncios, outras compañías como a australiana PADACS leva xa un tempo comercializando fundas para o iPad que incorporan un teclado Bluetooth e converte así o tablet de Apple nun portátil. Esta fabricante comezou hai un par de meses co seu teclado Toccata, que estaba á venda por 69,95 dólares (actualmente está esgotado), e que deu lugar agora ao teclado Rubata, que sairá á venda este mesmo mes por 99,95 dólares, prezo que permite dar un salto de calidade, de xeito que agora conta cun teclado de plástico duro de 84 teclas, funda totalmente de pel e batería recargable por USB cunha autonomía de ata 72 horas.
A funda do teclado Rubata comunícase co iPad por Bluetooth 2.0 (de xeito que tamén pode aproveitarse para o seu uso cun ordenador ou cun smartphone), permite manter o iPad en vertical cunha pequena inclinación que facilita a lectura da súa pantalla e conta cun peche de velcro para un transporte seguro do conxunto de tablet e teclado. Mide 24 x 9 centímetros e pesa 590 gramos.
Polo momento os produtos de PADACS comercialízanse directamente para EE.UU., Canadá e Australia, aínda que aseguran que van mellorar a súa distribución en breve.

O teclado Rubata tamén serve de funda de transporte

PUBLICIDADE