Novo smartphone para gamers de Nubia

luns, 29 de abril do 2019 Marcus Fernández

O fabricante chinés Nubia (marca pertencente a ZTE) recuncou hai poucos meses no mercado dos smartphones para gamers co seu Red Magic Mars, e agora reforza esta decida aposta co novo Red Magic 3, que presume de ser o primeiro teléfono móbil con ventilador integrado (a unha velocidade de até 14.000 revolucións por minuto) complementando o seu sistema de refrixeración líquida.
Este novo teléfono ten un procesador Qualcomm Snapdragon 855 con gráfica Adreno 640, 6/8/12 GB de RAM, 64/128/256 GB de almacenamento interno UFS 2.1, pantalla AMOLED Full HD+ de 6,65 polgadas con soporte de HDR e unha velocidade de refresco de 90 Hz, altofalantes frontais con son envolvente DTS.X, toma para auriculares, Bluetooth, Wi-Fi AC, resistencia á auga (IP55) e unha salientable batería de 5.000 mAh con carga rápida de 27 watts capaz de conseguir en 10 minutos enerxía para xogar durante unha hora enteira.
A nivel de cámaras é un terminal que non se arrisca, de xeito que limítase a unha cámara traseira con sensor Sony IMX586 de 48 Mpíxeles con apertura f/1.8 capaz de gravar vídeo 8K e facer uso dunha cámara superlenta (a 1.920 imaxes por segundo), mentres que a cámara frontal limítase aos 16 Mpíxeles con apertura f/2.0.
Aparte desta completa configuración, o smartphone deixa ver que está optimizado para xogos por contar con botóns adicionais integrados, que serían un par de gatillos na parte superior do terminal (se o suxeitamos en horizontal) e o propio sensor traseiro de pegadas dixitais, que poder aproveitarse como botón.
Este novo teléfono sairá á venda en China o 3 de maio, chegando máis tarde ao mercado europeo, e os seus prezos serán de 2.899 iuans (386 euros) para o modelo con 6 GB de RAM e 64 GB de almacenamento, 3.199 iuans (426 euros) con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento, 3.499 iuans (466 euros) con 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento e 4.299 iuans (572 euros) con 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento interno.

JPEG - 170 KB
O Red Magic 3 venderase con carcasas con deseños bastante agresivos

PUBLICIDADE