Novo sistema de almacenamento en rede con soporte de BitTorrent

luns, 11 de xuño do 2007 Marcus Fernández

QNAP lanza un novo servidor de almacenamento en rede todo-en-un, que funciona coma sistema centralizado de compartición de arquivos, servidor de impresión, servidor de FTP e sistema de copias de seguridade que incluso integra un servidor web con soporte de PHP e MySQL, é compatible co servizo de Directorio Activo de Windows, soporta DNS dinámico, pode funcionar coma servidor de iTunes (para compartir a nosa música con tódolos equipos da nosa rede doméstica) e mesmo descarga ficheiros da rede BitTorrent.
O QNAP TS-109 Pro Turbo Station pode incluír no seu interior un disco duro SATA de ata 1 Tb de capacidade, que se pode ampliar mediante un USB 2.0 e eSATA, o que incluso serve para replicar o disco interno (RAID-1), o que tamén se pode facer remotamente, ou sexa, que se podería replicar o disco actual noutro sistema NAS de QNAP.
Temos aquí unha interesante solución de almacenamento en rede silenciosa (non ten ventilador) e de baixo consumo (só 14,4 W) moi atractiva para as PEME.

PUBLICIDADE