Novo recoñecemento internacional para Dinahosting

venres, 8 de abril do 2011 Raquel Noya

A empresa galega de dominios Dinahosting, habitual xa na nosa web pola súa continua actividade innovadora en torno aos servizos de hosting web, vén de ver recompensados os seus esforzos a prol da I+D+i no seu sector, co recoñecemento internacional da auditora británica Netcraft, unha das máis prestixiosas do mundo para servizos de Internet.
Netcraft basea os seus estudos públicos nunha medición intensiva ao redor das empresas provedoras de hosting. Para isto primeiro realiza unha análise de rendemento en intervalos de 15 minutos dende diferentes puntos ao longo do planeta. A continuación fai unha media de diferentes medicións, para determinar de maneira fiable a confiabilidade de cada plataforma.
Deste xeito, e segundo veñen de confirmar, Dinahosting “dou unha media do 0,011 por cento, tres veces inferior á segunda clasificada, a británica Virtual Internet e á terceira, a canadense iWeb”.
Dende a entidade compostelá aseguran que “a outra empresa española auditada, a madrileña Acens, figura no posto 32”, substancialmente por enriba da galega.
Carlos Suárez, o director técnico de Dinahosting, ve recoñecida a súa estratexia de “autoesixencia” no desenvolvemento da súa infraestrutura técnica e de implementación de solucións tecnolóxicas, “baseadas”, segundo afirma, “nun I+D+i in-house, en termos de confiabilidad, estabilidade e seguridade”.
Paralelamente, segundo afirman dende a entidade, Dinahosting tamén foi recoñecida polo portal estadounidense webhosting.info, dedicado á monitorización e análise pública do mercado de servizos web que certificou esta mesma semana “a escalada de Dinahosting á terceira posición do ranking español de provedores de aloxamento”.
A empresa galega asegura “superar así a Telefónica” e “fortalecer a súa posición e tendencia no mercado de dominios e hosting español, sendo a primeira con capital 100% nacional e independente de grupos de investimento”.

PUBLICIDADE