Novo proxector de tiro ultracurto de LG

venres, 20 de maio do 2022 Marcus Fernández

Aínda que os televisores de grandes dimensións están a imporse nos salóns domésticos, para certos tamaños de pantalla aínda hai espazo para os proxectores de vídeo, especialmente se son de tiro curto (que evitan os problemas das sombras e incomodidades como instalar o proxector no teito), propiciando que cheguen ao mercado produtos como o LG HU915QE, un proxector de tiro ultracurto (capaz de proxectar unha pantalla de 90 polgadas a só 5,6 centímetros de distancia ou de 120 polgadas a só 18,3 centímetros) que resulta especialmente salientable polo seu brillo de 3.700 lumenes ANSI, de xeito que consegue bos resultados en ambientes iluminados.
Este novo proxector da familia CineBeam 4K é capaz de reproducir contidos 4K HDR sen problema, sendo especialmente cómodo o feito de que integre webOS, polo que facilita o acceso a Netflix, Amazon Prime Video, Disney+, YouTube, Apple TV e outros servizos sen accesorios adicionais, á vez que tamén pode presentar contidos achegados a través de Screen Mirroring, AirPlay 2 e Bluetooth.
O proxector integra altofalantes de 40 watts con son 2.2, e tamén pode funcionar con 2 altofalantes Bluetooth de LG conectados á vez, conseguindo así unha experiencia sonora máis envolvente. Sairá á venda en poucas semanas e o seu prezo podería estar no contorno dos 6 mil euros.

PUBLICIDADE