Novo eReader con pantalla táctil e Wi-Fi por 240 euros

luns, 19 de abril do 2010 Marcus Fernández

Os lectores de libros electrónicos continúan a medrar en prestacións á vez que popularizan o seu prezo, e coma exemplo deste cambio evolutivo temos ao Nvsbl L337, un dispositivo con pantalla de 6 polgadas de tinta electrónica con 16 niveis de gris e unha resolución de 800 x 600 píxeles que destaca especialmente por ter unha pantalla táctil capacitiva e conectividade Wi-Fi, facilitando a visita a tendas electrónicas de e-books dende as que descargar directamente contidos para ler sen precisar dun ordenador coma intermediario.
O dispositivo está baseado en Linux, ten un procesador ARM9 a 400 MHz, 128 Mb de RAM, 2 Gb de memoria interna (ocupada en boa medida polo sistema operativo do trebello), lector de tarxetas microSD, batería de 1.530 mAh (o que permite a lectura de ata 10.000 páxinas) e un atractivo prezo de 240 euros.
O Nvsbl L337 permite a lectura de HTML, TXT, ePUB, JPEG, PNG e BMP, así coma de documentos PDF (incluso con soporte de DRM) e ten unhas medidas de 124 x 170 x 8,8 milímetros.

PUBLICIDADE