Novo disco duro para achegar contidos a iPad e iPhone

mércores, 22 de xuño do 2011 Marcus Fernández

Tras o lanzamento do Seagate GoFlex Satellite, agora é Hitachi a compañía que lanza o disco duro G-CONNECT, que será o primeiro dunha liña de dispositivos pensados para servir de almacenamento sen fíos para dispositivos como o iPad ou o iPhone, de xeito que os usuarios de dispositivos de Apple poderían acceder a películas, música, libros, fotografías e documentos que non tivesen cargados no seu trebello previamente e mesmo sen contar con acceso á Rede, simplemente comunicándose por Wi-Fi N con este novo disco duro portátil que soporta o acceso de ata 5 dispositivos de xeito simultáneo (3 dispositivos no caso de que estean a acceder a películas en alta definición).
O G-CONNECT funciona en combinación cunha aplicación para iOS que pode descargarse de balde da App Store, aínda que tamén estará dispoñible a través dun navegador web (o que agradecerán os usuarios de dispositivos con Android antes de que conten cunha aplicación nativa para os mesmos, que chegará no outono).
Este sistema de almacenamento sairá á venda cunha capacidade de 500 Gb e un prezo de 199,99 dólares no mes de xullo (estando aínda por anunciar o prezo e a data de chegada ao mercado europeo).

PUBLICIDADE