Novas lentes de AR de Nreal

xoves, 5 de decembro do 2024 Marcus Fernández

As lentes de realidade aumentada de Xreal (compañía con grande experiencia no sector, que antes respondía ao nome de Nreal) están a dar un paso adiante coas novas Xreal One, que manteñen o seu formato de lentes tradicionais, integrando pantallas tras os vidros e altofalantes nas patillas, permitindo así experiencias envolventes integradas no contorno, que como grande novidade conta agora cun chip X1 de creación propia, que mellora as posibilidades espaciais á hora de fixar pantallas virtuais no contorno.
Cómpre lembrar que as lentes de Xreal, aínda que conten con funcións de realidade aumentada prometedoras, teñen como principal uso o de empregarse como monitor externo de dispositivos aos que se conectan a través de USB-C (se por esta saída se inclúe vídeo, como sería no caso de moitos móbiles, tabletas, ordenadores e incluso consolas portátiles), de xeito que satisfán moitas das demandas que pretenden cubrir produtos como as Vision Pro de Apple (como gozar dunha pantalla persoal privada en mobilidade) a unha fracción do seu prezo.
As Xreal One proxectan unha imaxe Full HD cun cambio de visión de 50 graos, que pode verse á vez que a realidade que temos diante ou illándose da realidade ao escurecer as lentes (teñen tres niveis de transparencia). Prometen unha velocidade de refresco de 120 Hz, permitirían adaptarse á distancia interpupilar, e incluso incorpora son de calidade grazas á colaboración con Bose. Teñen un prezo de venda oficial de 549 euros, existindo tamén unha versión mellorada, as Xreal One Pro, cun prezo de 649 euros, que mellorarían o seu campo de visión até os 57 graos e un brillo maior (pasarían de 600 a 700 nits), e estarían dispoñibles en versión para dúas distancias interpupilares distintas (57-66 milímetros e 66,75 milímetros).

Vídeo promocional das novas lentes