Nova oferta de cursos tecnolóxicos no Concello de Brión

xoves, 13 de outubro do 2011 Raquel Noya

O Concello de Brión, que a miúdo ten un oco na nosa web pola súa implicación na formación TIC dos seus veciños e veciñas, vén de presentar a súa oferta formativa para o vindeiro mes de novembro, e de novo na listaxe de cursos ofertados non faltan os obradoiros de formación en novas tecnoloxías.
Desta volta o programa inclúe un obradoiro de Photoshop e dous cursos de manexo de Internet, para os que xa está aberto o prazo de inscrición ata o vindeiro 28 de outubro.
Máis polo miúdo, o curso de Photoshop, de catro horas de duración, terá lugar o sábado 5 de novembro a partir das 10:00 horas, e nel daranse unhas bases para o manexo deste programa de retoque fotográfico. O prezo da inscrición é de 10 euros por persoa.
Asemade, entre o 28 de novembro e o 19 de decembro, terán lugar dous cursos de manexo de Internet, a desenvolver en horario de mañá entre as 10:30 e as 12:30, e de tarde, entre as 20:00 e as 22:00 horas. En ámbolos dous casos, as clases terán unha duración de 20 horas, e o prezo será de 30 euros.

PUBLICIDADE