Nova entrega do proxecto Os nomes da nosa terra para promover a lingua e a memoria toponímica galega

luns, 19 de maio do 2025 Redacción

Coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas, a Deputación de Pontevedra reforza o seu compromiso coa lingua e o patrimonio inmaterial galego cunha nova edición do proxecto audiovisual Os nomes da nosa terra. Esta iniciativa, impulsada activamente polo presidente provincial, Luis López, convida á cidadanía a descubrir, recuperar e transmitir os topónimos tradicionais da provincia, poñendo o foco na súa importancia como parte esencial da identidade do territorio.
A nova entrega está composta por catro pezas audiovisuais que percorren diversos recunchos da provincia e que contan coa colaboración de persoas maiores, alumnado, asociacións culturais e investigadoras. A través destas voces, afóndase na riqueza toponímica da serra do Cando, onde os nomes postos polos pastores conservan a memoria dun mundo en contacto coa natureza; na talasonimia da Illa de Arousa e do litoral de Baiona, que recolle os nomes vencellados á tradición mariñeira; e tamén na toponimia de Rodeiro, onde o propio presidente provincial exerce de guía nun percorrido polos nomes de castros, penedos e pontes que agochan lendas milenarias.
Este proxecto, que se puxo en marcha en 2021, suma xa máis dunha decena de capítulos elaborados ao longo dos últimos anos con distintos apoios institucionais. Complétase coa participación activa de persoas voluntarias, asociacións veciñais, centros educativos e investigadores, e forma parte da plataforma Galicia Nomeada, promovida pola Xunta de Galicia e a Real Academia Galega e coordinada polo divulgador Vicente Feijoo. Esta plataforma colaborativa ten como obxectivo a recolleita, xeorreferenciación e difusión da microtoponimia galega e da tradición oral asociada.
Os nomes da nosa terra busca fomentar o uso da lingua galega desde a raíz do territorio, animando á veciñanza a implicarse activamente na recuperación dun patrimonio que, en moitos casos, está en risco de desaparecer. A través da memoria colectiva e o coñecemento compartido, esta iniciativa converte os nomes da terra nun elo vivo entre o pasado e o presente da cultura galega.

Peza audiovisual sobre Baiona

Peza sobre a Illa de Arousa

Vídeo sobre Rodeiro

Entrega do proxecto dedicada á Serra do Cando